Proxecto EIIDUCANDO

EiiDUCANDO

A enfermidade inflamatoria intestinal –Eii– engloba a colitis ulcerosa e a enfermidade de Crohn que son patoloxías crónicas do aparato dixestivo, idiopáticas e complexas cada vez máis frecuentes en todo o mundo.

En España, o 33% dos diagnósticos afectan a persoas en idade infantil e xuvenil o que conleva a aparición de situacións ás que hai que dar resposta e a necesidade de realizar actuacións que permitan previr as complicacións que se poidan derivar da afectación destas patoloxías en idades temperás.

Actualmente, no noso país os nenos e nenas e os mozos están a cursar formación regrada comprendendo idades entre os 3 anos nos que comeza a educación infantil e os 18 anos que adoita ser cando se completan os estudos de bacharelato e formación profesional.

Por iso é fundamental establecer protocolos de atención educativa en infantil, primaria, secundaria, bacharelato, formación profesional e universidade para que as persoas afectadas de Eii en idade infantil e xuvenil poidan desenvolverse plenamente e completar os seus estudos exactamente igual que as súas compañeiras e compañeiros.

Así, xurde EiiDUCANDO coa finalidade de establecer como debe realizarse a atención ao alumnado con Eii para que se dea cobertura a todas as situacións que poidan darse nos centros educativos de maneira que o desenvolvemento diario, a socialización e o proceso de formación evolucionen con calidade e de forma positiva.