Deputación e 91 Concellos de Ourense únense a Acceso ACCU
Os 91 concellos de menos de 20.000 habitantes de Ourense asinaron o acordo coa Asociación de Crohn e Colite Ulcerosa (ACCU) para garantir o acceso preferente das persoas doentes con EII aos servizos sanitarios das súas dependencias públicas
O presidente provincial, Luis Menor, agradeceu e felicitou aos alcaldes e alcaldesas, “pola súa sensibilidade, pois hoxe é un día para sentirnos orgullosos xa que acabamos de dar un gran paso para mellorar a vida de moita xente, que é a nosa obriga como servidores e xestores públicos”
O presidente de ACCU, Fernando Jiménez, amosou o seu agradecemento aos alcaldes e alcaldesas, á Deputación e ao seu persoal técnico da área Social, “pois estos son os pasos que hai que dar, estando todos unidos e sendo conscientes da súa importancia”
Desde hoxe, Ourense é a primeira provincia que conta cun protocolo de acceso aos edificios públicos para as persoas que padecen enfermidades inflamatorias intestinais. Así quedou de manifesto na sinatura dun convenio coa Asociación de Crohn e Colite Ulcerosa (ACCU) e impulsado pola Deputación, que asinaron (tanto presencial como telemáticamente) os alcaldes e alcaldesas dos 91 municipios con menos de 20.000 habitantes da provincial. O acto estivo presidido polo presidente da Deputación, Luis Menor; o presidente de ACCU, Fernando Jiménez; a deputada de Políticas Sociais, Patricia Torres; e o director da área Social da institución provincial, José Juan Cerdeira.
O presidente provincial, Luis Menor, agradeceu e felicitou persoalmente a todos os alcaldes e alcaldesas que acudiron ao acto de sinatura, “pola gran sensibilidade que amosades, pois hoxe é un día para sentirnos moi orgullosos, xa que acabamos de dar un gran paso para mellorar a vida de moita xente, que é a nosa obriga como servidores e xestores públicos”. Na mesma liña, o presidente de ACCU, Fernando Jiménez, amosou o seu agradecemento aos rexedores, á Deputación e ao seu persoal técnico da área Social, “pois estes son os pasos que hai que dar, estando todos unidos e sendo conscientes da súa importancia”.
Motivo do convenio
As persoas afectadas de Enfermidades Inflamatorias Intestinais (EII) e/ou as persoas intervidas dun cancro do que se deriva esta consecuencia, sofren episodios continuados nos que se presenta de forma imprevista e imperiosa a urxencia de acceder a servizos sanitarios/cuartos de baño e que este acceso necesario e imperioso se produza dunha forma rápida e de uso preferente, sen demoras. Este é o motivo principal polo que se vén de asinar este convenio, precisamente para que este acceso necesario e prioritario para persoas afectadas por enfermidades inflamatorias intestinais estea definido e sinalizado como “Acceso ACCU” en instalacións públicas da Deputación de Ourense e dos 91 concellos de menos de 20.000 habitantes, a totalidade da provincia.
Serán beneficiarias do acordo hoxe asinado as persoas físicas diagnosticadas con Enfermidades Inflamatorias Intestinais e que obteñan o distintivo “Acceso ACCU”, que lles facilitará a asociación de pacientes de Crohn e Colite Ulcerosa de Ourense. No que atinxe ás administracións, tanto a Deputación de Ourense como os concellos adheridos ao convenio amosarán o distintivo Acceso ACCU para sinalizar de forma clara a localización dos cuartos de baño de todos os seus edificios públicos, coa fin de facilitar ás persoas portadoras do distintivo a prioridade de acceso e a rápida localización de tales instalacións e aseos. O persoal das dependencias públicas recibirán tamén comunicación formativa para facilitar este acceso ás persoas que así o precisen.