Xuntanza na xefatura territorial de Educación para implementar a Guía de atención educativa ao alumnado con EII
Como todas as patoloxías crónicas, as enfermidades inflamatorias intestinais constitúen un problema de saúde que limita de forma importante a percepción da saúde e a calidade de vida das persoas que as padecen. Así, os cambios na saúde, a necesidade dun tratamento continuado, os posibles efectos adversos da medicación, as limitacións na alimentación, etc, son factores que afectan á calidade de vida provocando unha perda do benestar físico, mental e social.
Todo isto, por suposto, afecta tamén ás nenas, nenos e adolescentes que sofren este tipo de enfermidades, conlevando á creación de situacións complexas en todas as áreas das súas vidas, especialmente dentro do centro educativo, onde pasan a maior parte do día. Considerando todo o anterior, a Xunta de Galicia e ACCU Ourense queren dar resposta ás necesidades destas persoas e das súas familias.
Con tal fin, elaborouse a Guía de atención educativa ao alumnado con EII que establece as actuacións necesarias para facilitar o día a día das e dos adolescentes con EII en todos os centros educativos de Galicia.