Día mundial das Enfermidades Inflamatorias Intestinais 2022

 

 

 

 

 

 

 

Este ano celebramos o Día mundial das Enfermidades Inflamatorias Intestinais (EII) xunto coa área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco para dar visibilidade a estas patoloxías e facer incidencia en que a EII é unha doenza crónica que está a rexistrar unha incidencia crecente. Ademais, está a subir a súa prevalencia, en parte debido a que a calidade de vida dos pacientes mellorou moito nos últimos 20 anos e cos coidados adecuados a súa esperanza de vida é a de calquera outra persoa.

 

Ademais quixemos resaltar que cada ano detéctanse entre 50 e 60 novos casos, que sumados aos que xa había anteriormente deixan o balance total nuns 1.300 pacientes na área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco.

 

Así, o 19 de maio de 2022 realizamos no CHUO actuacións como a colocación dunha mesa informativa sobre enfermidades inflamatorias intestinais, a inauguración do aseo adaptado para persoas ostomizadas instalado no edifico de novas hospitalizacións do CHUO, a solicitude de máis aseos adaptados e novos ecógrafos para a realización de probas.

 

Engadir que a Subdelegación do Goberno en Ourense e a Ponte Romana ilumináronse de morado en conmemoración do Día mundial por iniciativa de ACCU Ourense e en colaboración coa Subdelegación do Goberno e o Concello de Ourense para dar visibilidade ás patoloxías inflamatorias intestinais.

 

   

 

Esta actuación é posible porque ACCU Ourense implementa o Servizo de atención integral grazas á subvención procedente do 0,7% do IRPF da Xunta de Galicia, xestionada por COGAMI, para que as súas entidades membro poidan financiar os seus proxectos prioritarios, á vez que proporciona asesoramento e realiza o seguimento durante a elaboración, execución e xustificación dos mesmos.