Día da Discapacidade 2021

ENTIDADES SOCIAIS XÚNTANSE BAIXO O MESMO PARAUGAS PARA DARLLE VISIBILIDADE AO DÍA DA DISCAPACIDADE

 

NO DÍA INTERNACIONAL DA DISCAPACIDADE ENTIDADES SOCIAIS DA PROVINCIA DE OURENSE COMPROMETIDAS COA DISCAPACIDADE PROGRAMARON VARIAS ACTUACIÓNS PARA DAR VISIBILIDADE Á CAMPAÑA #BAIXOOMESMOPARAUGAS PROMOVIDA POLO MOVEMENTO GALICIA DIVERSA

 

Cada 3 de decembro celebramos o Día Internacional das persoas con discapacidade. Entidades sociais de Ourense comprometidas co colectivo de persoas con discapacidade, dende hai 3 anos, en concordancia coa liña de traballo do movemento Galicia Diversa adhírense á campaña de visibilización deste último: #Baixoomesmoparaugas.

A intención é sensibilizar á sociedade na concienciación da igualdade de oportunidades, na inclusión social e plena integración destas persoas. A sociedade ten avanzado moito, promovendo a accesibilidade universal e a igualdade de oportunidades, pero aínda falta moito camiño por percorrer ata chegar á meta da plena inclusión que todas as entidades do movemento temos fixada e pola que loitamos día a día.

Para elo promovénse diversas actividades en toda a provincia.

A campaña céntrase na figura do paraugas como elemento baixo o cal todas as discapacidades se amparan para reivindicar un trato xusto e igualitario, sen discriminación e que teña en conta as aptitudes e potencialidades das persoas, independentemente das súas diferenzas ou diversidades.

En primeiro lugar, a iluminación en cor verde dos seguintes organismos/monumentos na noite do 2 para o 3 de decembro:

  • Ponte Romana de Ourense
  • Subdelegación do Goberno en Ourense

En segundo lugar, a promulgación de vídeos, usando o paraugas como elemento diferenciador, e de lectura do manifesto polo Día Internacional da Discapacidade en redes sociais.

En último lugar, e non menos importante, solicitouse a colaboración do comercio local, como ferramenta activa, participativa e visibilizadora, para que cada establecemento coloque un paraugas na súa porta como mostra do seu compromiso coa igualdade e co colectivo.

As entidades que formamos parte desta iniciativa somos: ACCU OURENSE, AECC OURENSE, AFFOU, AIXIÑA, ALCER OURENSE, AODEMPER, ASOCIACIÓN DIABÉTICA AURIA, DCA OURENSE – RENACER, DISCAFIS-COGAMI, DOWN OURENSE, POR ELES TEA.