Paseo da Saúde de Barbadás 2021

ACCU Ourense participou no Paseo da Saúde que acolleu o Concello de Barbadás o 18 de xuño de 2021. Este evento agrupou a 11 asociacións sociosanitarias na Avenida de Celanova de A Valenzá para que as numerosas persoas que acudiron coñeceran de primeira mán a labor das asociacións que nos dimos cita no Paseo da Saúde de Barbadás.

 

Así mesmo, realizáronse obradoiros, charlas e actividades que permitiron ás persoas que se achegaron ata as carpas do Paseo da Saúde de coñecer mellor o funcionamento das entidades porque segundo indicou o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, “estamos nun momento fundamental para pór en valor e dar a coñecer e difundir todo o que xira en torno á saúde”.

 

Neste sentido, destacou Elisabet González Nistal, concelleira de Barbadás, que as entidades que participamos “traballan non soamente para axudar a enfermos e enfermas desas patoloxías, senón para axudar tamén ás súas familias”.

 

Ademáis das carpas que albergaron as actividades realizadas polas entidades participantes, tiveron un lugar destacado as persoas membro de protección civil de Barbadás que recibiron ao alumnado dos Colexios públicos para ensiñarlles primeiros auxilios e a realizar unha RCP.

 

Tamén contamos coa participación de María Villanueva Rey, matrona do Centro de Saúde de A Valenzá e coa Unidade Móbil do Centro de transfusións de Galicia.

 

 

 

Entidades participantes no Paseo da Saúde

 

ACCU – Asociación de Crohn e colite ulcerosa

AECC – Asociación española de loita contra o cancro

AFAOR – Asociación de enfermos/as de Alzheimer

AFFOU – Asociación de fibromialxia, fatiga crónica e sensibilidade química múltiple

ALCER – Asociación de loita contra a enfermidade do ril

AODEMPER – Asociación esclerose múltiple, ELA, Parkinson

AURIA – Asociación de diabéticos/as

AUTISMO OURENSE – Asociación de autismo de Ourense

CENTRO QUÉROTE MÁIS

POR ELES TEA – Asociación autismo

QUERENDO – Asociación de mulleres con endometriose

 

A participación de ACCU Ourense nesta actuación é posible porque contamos co cofinanciamento da Xunta de Galicia a través de COGAMI grazas a que as persoas contribuíntes marcan na declaración da renda o X Solidario para destinar o 0,7 % a programas de fins sociais, así como, a financiación da Deputación Provincial de Ourense.