ACCU Ourense e o Colexio Luis Vives celebran o Día mundial das Enfermidades Inflamatorias Intestinais 2021

Este ano celebramos o Día mundial das Enfermidades Inflamatorias Intestinais xunto co alumnado e profesorado do Colexio Luís Vives de Ourense para dar visibilidade a estas patoloxías e facer incidencia en que un de cada tres novos diagnósticos realízanse a nenos e nenas menores de 18 anos que están a padecer Crohn ou colitis ulcerosa durante a súa etapa escolar con todo o que isto conleva.

Así, o 19 de maio de 2021 realizamos no Colexio Luís Vives actuacións como a concentración de alumnado, profesorado e persoas membro de ACCU Ourense no patio do colexio dando o seu apoio a tódalas persoas con EII diante dunha pancarta conmemorativa e, en especial, homenaxeando a Hugo un alumno que padece enfermidade inflamatoria intestinal e apoiándoo no camiño que está a percorrer da forma máis admirable e valente posible.

 

Leste mesmo día Hugo procedeu á lectura dun manifesto co que quere facer máis visibles estas patoloxías e para que as compañeiras e compañeiros de Hugo puidesen velo e oílo con tódalas medidas de protección realizouse a través da plataforma da que dispón o colexio e proxectouse a lectura do manifesto en todas as clases.

 

No manifesto, Hugo recalcou “Grazas ao profesorado pola súa paciencia e axuda, á miña familia e compañeiros e compañeiras por axudarme a superalo cada día e, sobre todo, grazas a ACCU Ourense por facelo sempre visible. Non podemos deixar de loitar por máis investigación e máis visibilidade.”

 

Ademais, a Subdelegación do Goberno en Ourense e a Ponte Romana ilumináronse de morado en conmemoración do Día mundial por iniciativa de ACCU Ourense e en colaboración coa Subdelegación do Goberno e o Concello de Ourense para dar visibilidade ás patoloxías inflamatorias intestinais.

 

 

 

Esta actuación é posible porque ACCU Ourense conta co cofinanciamento da Xunta de Galicia a través da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade -COGAMI- grazas a que as persoas contribuíntes marcan na declaración da renda a X Solidaria para destinar o 0,7 % a programas de fins sociais como o que implementa ACCU Ourense enmarcado no programa de atención social e asesoramento especializado.