ACCU Ourense

ACCU Ourense recoñécese como unha entidade de acción social dende o momento no que implementa actuacións participativas, apostando pola innovación social, a cultura da sostenibilidade e o protagonismo e centralidade da persoa na vida asociativa.

Así mesmo, é unha entidade sociosanitaria sen ánimo de lucro que nace en xuño de 2005 co fin de establecer un movemento asociativo como resposta á demanda das persoas afectadas de enfermidade de Crohn e colite ulcerosa da provincia de Ourense.

A enfermidade de Crohn e a colite ulcerosa, chamadas enfermidades inflamatorias intestinais, provocan trastornos graves na saúde, ao que hai que engadir que as persoas afectadas enfróntanse co descoñecemento sobre a enfermidade e os obstáculos sociais, laborais e emocionais que derivan destas patoloxías e conlevan un forte impacto social nas vidas das persoas afectadas e das súas familias.

ACCU Ourense

Así, ACCU Ourense implementa proxectos de continuidade cunha longa traxectoria no tempo e coa finalidade de ofrecer actuacións de intervención e atención integral en prol da autonomía persoal e vida independente de todas as persoas afectadas de enfermidades inflamatorias intestinais, as súas familias e a toda a contorna, subliñando, maioritariamente, a abordaxe das realidades médicas, sociais e económicas que poden presentarse por mor destas patoloxías.

De aí que en todos os proxectos se traballe por e para as persoas afectadas, as súas familias e toda a contorna, xunto con entidades públicas e privadas coñecedoras da realidade social e comprometidas para desenvolver apoio persoal nos procesos que afectan as persoas con enfermidades inflamatorias intestinais e facilitándolles os recursos que precisen.

Para iso, ACCU Ourense é unha entidade coa Declaración de Utilidade Pública á que a Xunta de Galicia outorgou os seguintes recoñecementos:

  • Recoñecemento como entidade prestadora de servizos sociais
  • Recoñecemento de entidade prestadora de servizos á xuventude
  • Recoñecemento de entidade de acción voluntaria de Galicia

Ademais, ACCU Ourense posúe unha natureza colaborativa e implementa todos os programas en coordinación con entidades sociosanitarias da nosa comunidade para o que é imprescindible ser membros das seguintes entidades:

  • COGAMI – Confederación Galega de Persoas con Discapacidade
  • FEGACCU – Federación Galega de Asociacións de Crohn e Colite Ulcerosa
  • ACCU España – Confederación Nacional de Asociacións de Crohn e Colite Ulcerosa
  • Consello Asesor do Paciente do Sergas – Servizo Galego de Saúde